O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou este martes as «normas propias» de Galicia de desenvolvemento do coñecido como ‘decreto de aprobado xeral’ coas que se busca «non rebaixar o nivel». Deste xeito, coa resolución publicada este martes pola Xunta vólvese aos criterios anteriores que xa rexían en Galicia antes da incidencia da pandemia, de forma que para titularse en Bacharelato haberá que aprobar todo.

Sucede o mesmo de forma xeral na ESO, «salvo casos moi excepcionais» polos que se poderá obter o título con dúas materias suspensas se hai acordo do equipo docente –sempre que non sexan conxuntamente lingua e matemáticas–.

Aínda que Román Rodríguez aprecia que no último trimestre do curso pasado esta norma «podía ter sentido» por «unha situación de excepcionalidade» polo confinamento, agora «non pode valer para un momento como o actual» no que se aposta por un sistema presencial. De tal forma, asegura que en Galicia se van a «manter» os criterios de avaliación e promoción de curso para «preservar a calidade e equidade». Ademais, haberá unha «recuperación progresiva» dos contidos didácticos que «quedaron frouxos» no último trimestre do curso pasado.